Cámara de Comercio del Ferrol

emprego

Orientación profesional

A Cámara de Comercio de Ferrol ofrece aos demandantes de emprego un servizo de orientación profesional.

A unidade básica de actuación nesta área é o plan persoal de orientación que permite aos usuarios participar nun proceso personalizado de diagnóstico, intervención e seguimento co obxectivo final de conseguir a súa inserción laboral.

Ofrécese orientación:

  • para a busca de emprego
  • para o autoemprego

Aqueles demandantes de emprego interesados en acceder a este servizo poden, desde esta páxina, para a elaboración do plan persoal de orientación.

 

Algunhas recomendacións para a busca de emprego

Como redactar unha carta de presentación

A carta de presentación é unha ferramenta para conseguir espertar o interese da empresa destinataria na nosa candidatura. Ten que servir para diferenciarnos doutros candidatos e mostrar as nosas habilidades e motivación, achegando no seu contido algún elemento que faga que aempresa non se esqueza de nós. Xeralmente, debe ir acompañada por currículo.

É importante ter presente:

  • Hai que intentar que a carta chegue ao destinatario adecuado dentro da organización.
  • Convén facer mención a datos relativos á empresa u organización destinataria.
  • Cómpre que utilicemos frases curtas e precisas, cunha linguaxe clara e correcta, sen faltas de ortografía nin expresión vulgares.
  • Debemos mencionar os logros profesionais que garden relación co posto ao que se opta.
  • É importante describir o posto e comentar aquelas características persoais que nos fan idóneos para ocupalo.
  • Hai que evitar describir habilidades xerais que non teñan relación co traballo a desempeñar.
  • Non está de máis mencionar o noso interese en contactar coa empresa e concertar unha cita. En calquera caso, non hai que esquecer indicar que estamos dispoñibles para unha entrevista.
  • A carta debe ser sempre breve (unha folla máximo), estruturada en 3 ou 4 parágrafos, con papel orixinal (non enviar fotocopias), e estar escrita a ordenador ou a máquina.

Como elaborar un currículo

O currículo é a tarxeta de presentación ante a empresa. Debe utilizarse para   transmitir  as habilidades, aptitudes e capacidades que cada un posúe. En calquera caso cómpre ter presente que ten que ser breve, conciso e ben  estruturado.

Non debe incluír expediente académico nin documentación que xustifique os coñecementos ou a experiencia achegados, a non ser que así o requira a propia empresa, e tampouco referencias de terceiras persoas.

Hai basicamente dous tipos de currículo: o cronolóxico, comezando pola experiencia ou formación máis recente, e o funcional que presenta a experiencia agrupada, sexa por funcións, logros ou sector de actividade.

En calquera caso, un bo currículo, adaptándose sempre ao posto a cubrir, debe conter os seguintes apartados:

  • FORMACIÓN
    Debe facer referencia ao máximo nivel académico alcanzado na formación regulada (formación profesional ou universitaria) e tamén á formación complementaria. En caso de ter realizado moitos cursos haberá que priorizar os de maior interese para o posto. A orde adecuada é a cronolóxica inversa, isto é, colocando en primeiro lugar os últimos cursos aos que se asistiu. Hai que mencionar o nome de curso, unha breve descrición dos seus contidos, a entidade que o organizou, a data de finalización e o número de horas.
     
  • IDIOMAS
    O seu lugar no currículo dependerá da importancia deste apartado para o posto de traballo ao que se opta e do dominio de estes. Especificarase, en cada un dos idiomas, o nivel alcanzado, oral e escrito, con referencia aos títulos que acrediten estes coñecementos.
     
  • INFORMÁTICA
    Do mesmo modo que o apartado anterior, pode colocarse en diferentes lugares, en función do seu dominio e da importancia para o posto. Débese confeccionar unha relación dos programas que se manexan e o nivel de coñecementos (usuario, avanzado, programación) sen esquecer incluír os cursos relacionados.
     
  • EXPERIENCIA LABORAL
    Constitúe, sen dúbida, un dos apartados máis importantes nos que se debe poñer énfase, a non ser que se careza dela. De posuír experiencia en ámbitos distintos ao posto ao que se opta, hai que citala pero destacando aquelas tarefas ou actividades que máis relación garden con el.  Tamén deben citarse os períodos de prácticas, os traballos de colaboración e cooperación, etc.
    En todo caso, con respecto ás empresas nas que se traballou, cómpre incluír: o nome da empresa, a data de inicio e finalización da relación laboral, as tarefas que se desempeñaron... O máis recomendable é facer unha relación en orde cronolóxica inversa. Pero se as últimas experiencias son traballos de duración moi breve e non gardan relación co posto pódese alterar esta orde.
     
  • OUTROS DATOS
    Aquí farase mención a todos aqueles aspectos que non teñen cabida nos apartados anteriores pero son relevantes para o posto en cuestión.

Como actuar nunha entrevista de traballo

A entrevista de traballo é a técnica máis utilizada nos procesos de selección de persoal. Hai que enfrontala como se fose unha venda, na que hai que vender un produto, “un mesmo”, sobrevalorando os puntos fortes e restando importancia aos máis débiles. É o momento de convencer e demostrar ao seleccionador que está ante o candidato idóneo para cubrir o posto de traballo.

Cómpre non mostrarse nunca tenso, senón seguro dun mesmo; transmitir a competencia laboral para o posto; demostrar que se sabe e se pode facer o que o posto require; reflectir que se está realmente interesado e causar unha impresión positiva ao entrevistador. Precisa sempre unha preparación previa para informarse sobre temas como a actividade da empresa.

As entrevistas acostuman ser individuais, pero tamén poden ser colectivas dependendo do posto de traballo a cubrir e incluso, nalgúns casos, se realizan dinámicas de grupo para observar as reaccións dos candidatos. En ningún momento hai que esquecer a corrección no comportamento e no trato co entrevistador.

 

 

 
 
© 2008-2023 camaraferrol.org Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol. C/María, 158. 15401. Ferrol (A Coruña) -Tl. 981 35 66 37 -