Formación profesional
A Cámara de Comercio de Ferrol colabora coa administración educativa na xestión das prácticas que os alumnos de Formación Profesional teñen que realizar nos centros de traballo.
Este módulo de formación é obrigatorio para a obtención do corresponde título profesional, polo que as empresas constitúen un elemento clave do que se denomina Formación en Centros de Traballo (FCT)
As funcións que corresponden á Cámara de Comercio en relación coa FCT, e coa formación profesional en xeral, pódense agrupar en catro ámbitos:
-
Divulgación e sensibilización entre as empresas sobre a importancia de colaborar acollendo a alumnos en prácticas.
-
Intermediación entre a escola e a empresa, captando empresas colaboradoras e propiciando a sinatura de convenios entre ámbas as dúas partes.
-
Formación para a actualización e perfeccionamento do profesorado e para os titores de empresa.
-
Asesoramento ás empresas colaboradoras en todos aqueles aspectos que teñen que ver coa posta en marcha e realización das prácticas dos alumnos.
-
Apoio aos centros educativos, cara a fomentar, a través da participación de expertos profesionais do sistema produtivo no sistema educativo, a calidade destas ensinanzas e mellorar a adaptación ao mercado de traballo e a inserción laboral dos alumnos. Así, a Cámara ten subscritos convenios con diferentes institutos da súa demarcación.
En que consiste o módulo de FCT?
A característica máis relevante deste módulo é que se desenvolve nun contorno produtivo real onde os alumnos poden:
- Observar e desempeñar as funcións propias dos diferentes postos de traballo dunha profesión.
- Coñecer a organización dos procesos produtivos reais dentro da empresa.
- Coñecer as relacións sociolaborais na empresa
Que ten que facer unha empresa para solicitar alumnos en prácticas?
Pode dirixirse ao departamento de formación da Cámara de Comercio e cubrir unha solicitude. Recibida esta, a Cámara procede a remitila á Dirección Xeral de Formación Profesional que a distribúe entre os centros educativos que necesitan postos en prácticas. Se hai alumnos suficientes, o propio centro educativo contacta coas empresas para asinar o convenio de colaboración e adxudicar os alumnos.
Que vantaxes supón para a empresa o feito de ter alumnos en prácticas?
- A oportunidade de observar e coñecer as capacidades, habilidades e actitudes dos alumnos que realizan as prácticas, ofrecéndolle deste modo a posibilidade de ter, a medio prazo, un traballador formado segundo os seus criterios.
- Unha renovación axeitada dos efectivos humanos.
- Un aumento da responsabilidade social da empresa.
- A contribución ao recoñecemento e a mellora da Formación Profesional.
Cantos alumnos poden terse á vez?
Non hai ningunha limitación administrativa. Quen debe establecer a limitación é a propia empresa, asegurándose de que pode ofrecer a formación práctica axeitada e que pode manter o nivel de atención, de dedicación e de calidade das prácticas que se fixaron.
Teñen que pagar algo as empresas para ter alumnos en prácticas?
Non, a empresa non ten a obriga de remunerar ao alumno, xa que este non é un traballador, senón que está recibindo a formación práctica que non se lle pode ofrecer no centro educativo.